Cantas clases de patacas existen?

¿Cuántas clases de patatas existen?

As patacas están moi presentes na nosa dieta. Preparámolas de diferentes maneiras: cocidas, fritas, asadas.. para despois incluír nas múltiples receitas da nosa rica gastronomía. Pero nesta publicación vimos a resolver unha cuestión que moitas e moitos nos tedes preguntado: cantas clases de patacas hai e que características teñen. Realizaremos a clasificación en base a dous criterios:

  • Época de recollida
  • Variedade

Coñecer as diferenzas non é unha cuestión menor. Por exemplo, se vamos a preparar unha receita que inclúa patacas é fundamental coñecer que variedade é a óptima para a fritura, cal para cocer e cal para asar. Preparados para aumentar os vosos coñecementos culinarios?

Clases de patacas segundo a época de recollida

Patacas novas

Tamén coñecidas como patacas “de cedo”. Recóllense entre marzo e xuño. Distínguense das patacas maduras en que a proporción auga/almidón é favorable á primeira. Teñen maior contido en vitamina C e destínanse á preparación de tortillas, patacas fritas… ao ser cocidas non se rompen. O seu tempo de conservación é reducido. O seu aporte calórico é inferior ao das patacas de estación ou tardías.

Patacas semitardías

Estas patacas tamén se coñecen como patacas de estación. Recóllense no punto álxido da súa maduración. As patacas de estación son máis versátiles en canto a usos e preparación, xa que a proporción almidón/auga é a máis equilibrada.

Patacas vellas

As patacas vellas coñécense tamén como “de tarde”. Recóllense co inicio do outono, cando o seu punto de maduración permite que o tempo de conservación sexa o máximo. O que se busca é que aguanten durante todo o inverno, ata a próxima colleita. A proporción auga/almidón sae favoralbe ao segundo neste caso. Estas patacas son as que teñen moito que dicir na preparación de guisos e purés.

Clases de patacas (ou variedades)

Kennebeck

Os famosos Cachelos Conde son patacas da variedade Kennebeck. Como xa vos temos comentado esta é a única variedade que proporcionamos para o cultivo aos nosos provedores. A Kennebeck é unha pataca redonda con presencia de ollos superficiais. No que se refire á pel, é fina e lisa, cun ton amarelo claro. A carne, branca e con textura consistente, resulta moi cremosa se a cocemos. A IGP Pataca de Galicia avala e certifica estas características.

Agria

A pataca Agria é, polas súas características, a variedade de pataca ideal para fritir. Falamos dun tubérculo de tamaño medio-grande cuxa carne é amarela, a pel fina e o contido baixo en azucres. Os resultados en sabor e textura ao fritilas -tenras por dentro e crocantes por fóra- son excepcionais.

Red Pontiac

Coñecida tamén como pataca vermella pola cor da súa pel. A carne é de cor branca. Aguanta moi ben a refrixeración e destínase principalmente á cocción ou preparación de guisos debido á súa textura fariñenta.

Spunta

A Spunta é unha das clases de pataca máis versátiles. Utilízase sobre todo para cocción e para ensaladas. A súa forma é alongada. O sabor é suave. É unha pataca semitardía.

Elodie

Pataca nova malagueña. É unha pataca multiusos aínda que os expertos nesta variedade recomendan asala.

Monalisa

Unha das variedades máis vendidas pola súa versatilidade. De forma alongada e regular, pódense utilizar para fritir, cocer, ou asar. Na fritura absorben pouco aceite e na cocción non se rompen. Unha boa opción.

Vitelotte

Unha das variedades de patacas máis vistosas no que ao seu aspecto se refire: carne violácea e pel case negra. O seu aspecto dota de cor e variedade unha ensalada. Tamén son comúns en tortillas e chips.

Ágata

Trátase dunha pataca cuxa orixe está en Francia. Este é un produto de uso xenérico. Con todo, en cocción ten moi bos resultados.

Baraka

A pataca Baraka é tamén moi coñecida en Galicia. Presenta unha cor amarela clara e destínase principalmente á fritura.

Esta é unha pequena aproximación as clases de patacas existentes. Agardamos que che fose útil e que a partir de agora saibas escoller ben cando merques patacas.