Quen non comeu unhas ricas patacas alioli na terraza dun bar? Poucas persoas levantarán a man. E é que estamos diante dunha das tapas máis típicas da cultura gastronómica española. As patacas alioli e as patacas bravas son o acompañante perfecto para un refresco ou unha “caña” ben fresca nos meses de verán. De feito, aínda que hoxe en día podes pedilas en calquera época do ano, é unha receita típica do verán.
O nome das patacas alioli vén da salsa alioli que é unha adaptación fonética das palabras catalás all (allo) e oli (aceite). E é que eses son os ingredientes desta salsa: allo e aceite. Co tempo, a receita evolucionou e apareceron numerosas variacións, tanto na preparación das patacas -cocidas, asadas ou fritas- como nos ingredientes da salsa. Neste artigo imos ver a receita tradicional de patacas alioli e engadiremos un bonus cunha versión máis moderna.
Receita de patacas alioli tradicional
Ingredientes
- 2 patacas para cocer
- 3 cabezas de allo
- Aceite de oliva virxe extra ( AOVE)
- Sal
- Perexil
Modo de preparación
- O primeiro que imos facer é cocer as patacas. Collemos as patacas, lavámolas e cortámolas pola metade. Fervemos auga nun cazo. Previamente botarémoslle un pouco de sal.
- Introducimos as patacas no cazo. A cantidade de auga debe ser suficiente como para cubrir completamente as patacas. Procura que os anacos que cortaches sexan iguais para que a cocción sexa uniforme.
- Deixamos que as patacas se cozan durante 25-30 minutos. Cando pasase este tempo picamos as patacas cun garfo para ver se están xa tenras. Se é así, apagamos o lume, escorremos a auga e deixamos as patacas no cazo tapado uns cinco minutos.
- Pelamos as patacas e cortámolas en dados de 3-5 centímetros de ancho. Colocámolas nun recipiente e deixámolas arrefriar a temperatura ambiente ou se o preferimos podemos metelas na neveira.
- É a hora de preparar a salsa alioli. Imos facelo á maneira tradicional, nun morteiro.
- Machucamos os allos no morteiro ata que formemos unha pasta branda.
- Cando o consigamos botamos un chorriño de aceite de oliva virxe extra e imos removendo ata que a salsa emulsione. Non é proceso fácil pero a práctica fai o cociñeiro. A alternativa é facelo coa batedora.
- Unha vez teñamos a salsa, picamos o perexil e esparexémosllo encima. Metemos a salsa un intre na neveira.
- O paso final é coller as patacas xa frías, botarlle a salsa encima, revolver e servir.
Receita de patacas alioli con patacas fritas
As versións modernas destas patacas substitúe as patacas cocidas por patacas fritas e engade ingredientes como o ovo na elaboración da salsa alioli. Imos ver como facela paso a paso.
Ingredientes
- 2 patacas para fritir
- 3 cabezas de allo
- Aceite de oliva virxe extra ( AOVE)
- 1 ovo
- Sal
- Perexil
Modo de preparación
- Primeiro fritiremos as patacas. Utilizaremos como sempre pataca agria. Como sabedes é a mellor pataca para fritir. Pelámolas, cortámolas en dados e fritímolas. No noso blogue poderás atopar a receita de patacas fritas perfectas.
- Imos coa salsa alioli. Nun recipiente botamos o allo machucado, o ovo, un chorro de aceite de oliva e sal.
- Colocamos a batedora contra o fondo do recipiente e comezamos a bater a mestura máis ou menos 10 segundos sen separar a batedora do fondo. Veremos como a salsa empeza a emulsionar.
- Cando vexamos que isto sucede levantamos un pouco e seguimos batendo ata que vexamos que a salsa se espesa.
- Como antes, engadimos o perexil picado e gardamos a salsa un intre na neveira.
- Para servir, colocamos as patacas fritas nun recipiente e botamos a salsa. Mesturamos ben e logo colocamos uns pinchos de madeira longos en función dos comensais.
E estas son as dúas formas de preparar patacas alioli máis estendidas. Se queres ver máis receitas con patacas animámosche a visitar o noso libro de receitas online.