Achégase a época de festas máis importante do ano, na que se reúne toda a familia e o menú en cuestión para contentar a todos é o tema de discordia. Hoxe traemos unha serie de receitas de Nadal sinxelas e rápidas para deixar a todo o mundo encantado.
Pescada rechea con patacas
Apostar por unha receita con pescada sempre é un acerto, pois é un peixe moi saboroso e nada difícil de cociñar. Se ademais lle engadimos un toque de marisco enchéndoa de gambas, o resultado será delicioso.
Ingredientes
- Unha pescada grande
- 200 gr de gambas
- Un par de patacas
- 2 dentes de allo
- Aceite de oliva
- Sal
- Pementa
- Salsa rosa
Modo de preparación
- Prenquentamos o forno a 180º mentres imos pelando e cortando as patacas e os allos e colocamos todo nunha bandexa para o forno. Salpementamos e aengadimos un pouco de aceite. Deiamos a bandexa no forno arredor de 12-14 minutos a 180º ata que se abranden un pouco as patacas.
- Mentres, cortamos a pescada en anacos grandes e pelamos as gambas. Colocamos unha capa de salsa rosa, aínda que se pode utilizar outra salsa ao gusto, coma o alioli, e imos poñendo as gambas xa peladas enriba. Finalmente, enrodelamos o anaco de pescada e aseguramos a presentación cun escarvadentes.
- Na mesma bandexa, engadimos os anacos de pescada sobre as patacas e deixamos que estea no forno durante uns 20 minutos a 180º.
- Por último, só nos quedaría empratar.
Ensalada vegana con patacas
Unha moi boa e sinxela receita de Nadal para veganos podería ser esta riquísima ensalada con, por suposto, patacas. Neste caso, faremos as patacas cocidas.
Ingredientes
- Un quilo de patacas
- 500 gramos de cebola
- Tomates cherry
- 100 gramos de millo doce
- Olivas negras ou verdes
- Salsa maionesa
Modo de preparación
- Pelamos e cortamos as patacas en anacos como se fosen para unha ensalada rusa. Cocémolas nunha cantidade abundante de augra durante aproximadamente 20 ou 15 minutos. Cando vexamos que están feitas, retiramos e deixamos enfriar.
- A continuación imos cortando a cebola en xuliana e cortando os tomates.
- Nun recipiente aparte, engadimos as patacas xa cocidas, a cebola cortada e os anacos de tomate. Tamén engadimos o millo doce e as olivas, que poden ser verdes ou negras, segundo o gusto.
- Cando teñamos os ingredientes xa misturados, engadimos a salsa maionesa (ou calquera outra salsa ao gusto, como rosa, cóctel ou algunha caseira que nos guste).
- Finalmente, deixamos repousar a mistura na neveira durante unhas horas, ata que estea o suficientemente fría. Por último, só nos quedaría empratar.